sábado, 10 de enero de 2009

Memoria do ano 2008

MEMORIA DO ANO 2008
As actuacións empezaron, para a Coral, en marzo, co Concerto de Semana Santa, acompañados nesta ocasión pola Orquestra de Cámara de Xove. Tras varias conversas, o director da orquestra aceptou a invitación e, despois de 2 ensaios conxuntos, en Xove e Ribadeo, puido levarse a cabo o concerto, satisfacendo así o desexo dos coralistas de volver interpretar o Aleluia do Mesías .As obras interpretadas, clásicas xa dentro do repertorio da coral, adquiriron outros matices: grandiosidade e emotividade na interpretación que trascenderon dende os intérpretes ó público.Ó igual que o ano anterior, o Coro Sagrado Corazón colaborou na interpretación do Panis Angelicus.
Seguiron a este concerto, as actuacións no XVII Encontro Coral de Habaneras de Avilés e a participación na Semana Cultural da Escola de Idiomas de Ribadeo, para a que se escolleu un programa con pezas en alemán, italiano, francés, inglés e portugués.

O mes de maio iniciouse coa actuación en Burela, dentro dos actos do XX Aniversario e Festival das Letras Galegas. O inesperado falecemento de Leopoldo Calvo- Sotelo, obrigou á Coral a preparar, en domingo, unha misa solemne, atendendo ós desexos musicais da familia, desexos que reflectían os gustos de D. Leopoldo, gran melómano e Membro de Honor da Coral. A “Negra sombra”, ó órgano, marcou o inicio do funeral, á que seguiron o Coral da cantata 147, “Réquiem” de Bruno Coulais, un fragmento da Sinfonía do Novo Mundo, “Ave verum corpus” e o Santus e Agnus da Misa Breve de Schubert. Ó remate da cerimonia soou, por expreso desexo da familia, a habanera ribadense “El peregrino”, que fillos e netos tarareaban “sotto voce” mentres abandonaban a igrexa, amosando a súa emoción e agradecemento á Coral que os despedía, en silencio, dende o coro.
Invitada polo Orfeón Logroñés, a Coral actúa o 17 de maio no Auditorio Municipal de Logroño, dentro do XXVI Ciclo de Música Coral, programado, para todo o mes, por Cultural Rioja e o propio Orfeón.

Remata musicalmente maio co I Festival Coral Xuvenil que, patrocinado por FECOGA e organizado pola coral, reúne, no Auditorio, á Coral Xuntanza Xove de Meis e ó Coro Sagrado Corazón.O festival cumpriu con todas as expectativas que del se esperaban: éxito de público, popularización do canto coral dos rapaces e xornada festiva e de convivencia arredor da música. O desexo da Directiva é continuar e mesmo institucionalizar este festival, para que sirva de aliciente ós rapaces e os anime a integrarse nos nosos coros e crear, deste xeito, unha base de futuros coralistas.

O verán, que comezou coa participación no VII Encuentro Coral en Luarca, o 29 de xuño, estivo dedicado a ensaiar, moito máis do habitual, o concerto que a Coral ofrecería co grupo Tirritarra e que marcou, pola súa espectacularidade, o verán musical ribadense. A Coral, nembargantes, non esqueceu outros compromisos: clausurou a Semana Náutica cun concerto no peirao de Porcillán e organizou o XIV Festival de Habaneras “Ría de Ribadeo”.Nun escenario ambientado para a ocasión por Belén e Mariposa Cociña, as corais de Cudillero, Mugardos e Ribadeo deleitaron ó público, que espera ansioso cada ano este festival e que enchía totalmente, como de costume, o Auditorio ribadense. Habaneras, boleros, sons cubanos e mesmo unha milonga soaron a noite de San Roque, evocando nos presentes outros tempos, outras lembranzas e outras paisaxes. A Coral estreou, nesta ocasión, as pezas “Negro bembón” e “ Canción con todos” e soou tamén a milonga “Insomnio”( na voz da solista Gloria Rguez.), con letra de El Viejo Pancho e popularizada no seu día por Carlos Gardel, que fora estreada o ano pasado, con motivo dos actos dedicados ó poeta ribadense.
A asociación “Amigos del Eo” homenaxeou a Coral o 23 de agosto, en virtude dos méritos que a avalaban para este recoñemento: a concesión da Medalla de Ouro do Concello, o nomeamento de “Lucense do Ano 2005”, e o ser considerada como a principal embaixadora artística da Ría ó longo de 53 anos, segundo o consideraron os membros da citada asociación. A Coral sumábase así a unha longa lista de personalidades e colectivos homenaxeados, que se iniciara no ano 1953. Durante a comida, que reuniu no Parador a representantes das 4 vilas do entorno da Ría (Castropol, Figueiras,Vegadeo e Ribadeo), coralistas e amigos, un representante de cada vila glosou os méritos da Coral para ser merecente desta distinción, palabras de eloxio que foron agradecidas polo presidente e directora da Coral e que remataron coa interpretación de 3 pezas: “A despedida”, “Cantar de mozos” e “Yo quiero ser marinero”, escollidas, cada unha delas, especialmente para a ocasión. Antes de rematar o acto, proxectouse unha película do día da inauguración do Monumento ó Gaiteiro, gravada por Carlos Díaz Suárez, documento sonoro que fixo lembrar ós presentes a amigos, veciños e vivencias de moitos anos atrás.
O día 24 de agosto, o grupo Tirritarra, a orquestra SottoVoce e a Coral ofreceron o espectáculo “Luz Negra”, un orixinal concerto de luz e son, no que se uniron o rock sinfónico, a música electrónica e as voces. A iniciativa, que contou co apoio de Caixa Nova e o Concello, culminou un proxecto de longas negociacións e duros ensaios. A expectación xerada ante o concerto, a resposta multitudinaria do público e o disfrute, tanto dos intérpretes como dos espectadores, foron motivos máis que suficientes para calificar o espectáculo de éxito total. Se a esto se unen a experiencia que supuxo para os coralistas unha obra destas características e as relacións de amizade musical que se produciron durante o tempo de preparación, o resultado non puido ser máis fructífero e gratificante.

O outono resúmese en 3 concertos. O primeiro foi a celebración do X Aniversario da Coral Sta. Mª de Cambre, o 8 de novembro, nesta vila coruñesa, onde a coral compartiu escenario, ademais da anfitriona, co grupo coral Oasis, de Anadia (Portugal).
O concerto de Sta. Cecilia , o 22 de novembro, contou, nesta ocasión, coa participación do Coro Sgdo.Corazón e da propia coral.Destacar deste concerto a interpretación do “Himno al vino” que non fora estreado aínda en Ribadeo e que foi coreado polas palmas do público asistente, sobre todo dos rapaces cantores, e que houbo que repetir.Tamén, como é costume, cantouse a misa do domingo 23
na honra da patroa, na que colaborou o grupo Arco-Vento. A esta celebración relixiosa hai que engadir tamén as misas do Xoves Santo, Corpus e da Patrona que son compromisos fixos da coral dende hai moitos anos. Hai que sinalar que o día da Patrona estreouse a obra “Te Deum”, pertencente á película “La misión”.
O ano rematou co XIV Festival de Panxoliñas, na Igrexa Parroquial, no que ó Coro Sgdo. Corazón e á nosa coral uniuse a Coral do Hospital Xeral-Calde, que fixeron, cos seus cantos, máis presente o Nadal. Neste concerto estreáronse as obras “Navidad” de Leopoldo González e “Cantémoslle ó Neno”de Eli García-Bouso, e rematou coa interpretación conxunta dos coros ribadenses do famoso vilancico “El Tamborilero”, acompañado de percusión e piano (coa pianista Carmen Älvarez que acompaña asiduamente á coral).
A Coral agradece, unha vez máis, o apoio de tódalas persoas que seguen o seu traballo, que os acompañan e os animan e valoran as súas desinteresadas colaboracións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario