jueves, 16 de diciembre de 2010

Próximo concerto de Panxoliñas

O tradicional concerto de Panxoliñas da Coral Polifónica, terá lugar o día 26 de decembro ás 20:15 na Igrexa Parroquial.
Nesta edición as corais participantes serán:
  • A Coral Polifónica Villa Blanca, de Luarca
  • A Coral Airiños de Caranza, de Ferrol.
  • O coro infantil e xuvenil Sagrado Corazón.

CÁNDIDO FERNÁNDEZ LEDO, NOVO MEMBRO DE HONOR DA POLIFÓNICA


O 21 de novembro, a Coral Polifónica de Ribadeo continuou coa celebración dos actos de Santa Cecilia, Patrona dos Músicos, iniciada o sábado día 13 co concerto ofrecido no Teatro de Ribadeo polo Coro da DelegaÇâo de Águeda da Cruz Vermelha Portuguesa.

O devandito domingo, a Polifónica cantou na misa celebrada na igrexa parroquial á unha da tarde, contando coa colaboración da pianista Carmen Álvarez Lebredo e do Grupo de Música de Cámara "Arco-Vento".

Despois da misa, ás dúas e media aproximadamente, tivo lugar unha comida de irmandade no Parador de Turismo, durante a cal foi nomeado Cándido Fernández Ledo como novo "Membro de Honor da Coral Polifónica de Ribadeo". O sr. Fernández Ledo, ribadense afincado en Marbella desde hai uns 38 anos, é entre outras cousas, Presidente da Fundación José Banús Masdeu y Pilar Calvo y Sánchez de León. Grazas á sua intervención a Coral de Ribadeo actuou en Marbella nos anos 2003 e 2009, e estaba previsto que volvese a cantar no 2010, aínda que esta nova actuación foi postergada para o vindeiro ano.

Iniciou o acto o Presidente da Polifónica, saludando ós asistentes e continuando co nomeamento de Membro de Honor propiamente dito, mediante a lectura da acta donde se recolle o acordo da Directiva da Coral para o nomeamento do presente acto e facendo unha semblanza do homenaxeado, destacando as virtudes e os motivos polos que sería nomeado Membro de Honor.

Tomou o relevo o sr. Fernández Ledo, pronunciando unhas sentidas palabras de gratitude cara a Polifónica, resaltando as virtudes desta e destacando que non a levou a Marbella só por ser de Ribadeo, senón por ser unha boa coral, de calidade máis que demostrada. Rematou o acto coa entrega do artístico pergamino (realizado á man, nunha grande parte polo tenor Maximino Aramburu Mejeras) que foi lido e entregado polo Secretario da Coral. De seguido, o Presidente da Polifónica impuxo a Cándido a insignia de ouro da Coral, que só posúen os seus membros de honor.

Logo de maneira máis desenfadada, viñeron os agradecementos e agasallos ós colaboradores da Directora: a pianista habitual, e os axudantes de dirección de cada corda. Quedou para o final o agasallo feito á Directora, Carmen Rodríguez Cancelo, que continúa á fronte da Polifónica desde que comenzara en 1984, despois do pasamento de Carlos Álvarez Fernández-Cid, e que, coma el, non recibiu nunca, nin recibe, retribución algunha polo seu traballo.

Non podía faltar un par de interpretacións dos coralistas baixo a batuta de Carmen que, despois de rematar esta parte musical, adicou unhas palabras ós coralistas amosando o seu agradecemento polo esforzo dos cantores e destacando a importancia da convivencia de todos os membros da Coral na que sobresae, como non podía ser doutro xeito, o amor á música e, dentro desta, á interpretación polifónica.

Alongouse a tarde cos "Cantarines" típicos das celebracións familiares e de amigos en Ribadeo, que puxeron o punto final á celebración da Patrona dos Músicos neste ano 2010 por parte da Coral Polifónica de Ribadeo.