jueves, 16 de diciembre de 2010

Próximo concerto de Panxoliñas

O tradicional concerto de Panxoliñas da Coral Polifónica, terá lugar o día 26 de decembro ás 20:15 na Igrexa Parroquial.
Nesta edición as corais participantes serán:
  • A Coral Polifónica Villa Blanca, de Luarca
  • A Coral Airiños de Caranza, de Ferrol.
  • O coro infantil e xuvenil Sagrado Corazón.

CÁNDIDO FERNÁNDEZ LEDO, NOVO MEMBRO DE HONOR DA POLIFÓNICA


O 21 de novembro, a Coral Polifónica de Ribadeo continuou coa celebración dos actos de Santa Cecilia, Patrona dos Músicos, iniciada o sábado día 13 co concerto ofrecido no Teatro de Ribadeo polo Coro da DelegaÇâo de Águeda da Cruz Vermelha Portuguesa.

O devandito domingo, a Polifónica cantou na misa celebrada na igrexa parroquial á unha da tarde, contando coa colaboración da pianista Carmen Álvarez Lebredo e do Grupo de Música de Cámara "Arco-Vento".

Despois da misa, ás dúas e media aproximadamente, tivo lugar unha comida de irmandade no Parador de Turismo, durante a cal foi nomeado Cándido Fernández Ledo como novo "Membro de Honor da Coral Polifónica de Ribadeo". O sr. Fernández Ledo, ribadense afincado en Marbella desde hai uns 38 anos, é entre outras cousas, Presidente da Fundación José Banús Masdeu y Pilar Calvo y Sánchez de León. Grazas á sua intervención a Coral de Ribadeo actuou en Marbella nos anos 2003 e 2009, e estaba previsto que volvese a cantar no 2010, aínda que esta nova actuación foi postergada para o vindeiro ano.

Iniciou o acto o Presidente da Polifónica, saludando ós asistentes e continuando co nomeamento de Membro de Honor propiamente dito, mediante a lectura da acta donde se recolle o acordo da Directiva da Coral para o nomeamento do presente acto e facendo unha semblanza do homenaxeado, destacando as virtudes e os motivos polos que sería nomeado Membro de Honor.

Tomou o relevo o sr. Fernández Ledo, pronunciando unhas sentidas palabras de gratitude cara a Polifónica, resaltando as virtudes desta e destacando que non a levou a Marbella só por ser de Ribadeo, senón por ser unha boa coral, de calidade máis que demostrada. Rematou o acto coa entrega do artístico pergamino (realizado á man, nunha grande parte polo tenor Maximino Aramburu Mejeras) que foi lido e entregado polo Secretario da Coral. De seguido, o Presidente da Polifónica impuxo a Cándido a insignia de ouro da Coral, que só posúen os seus membros de honor.

Logo de maneira máis desenfadada, viñeron os agradecementos e agasallos ós colaboradores da Directora: a pianista habitual, e os axudantes de dirección de cada corda. Quedou para o final o agasallo feito á Directora, Carmen Rodríguez Cancelo, que continúa á fronte da Polifónica desde que comenzara en 1984, despois do pasamento de Carlos Álvarez Fernández-Cid, e que, coma el, non recibiu nunca, nin recibe, retribución algunha polo seu traballo.

Non podía faltar un par de interpretacións dos coralistas baixo a batuta de Carmen que, despois de rematar esta parte musical, adicou unhas palabras ós coralistas amosando o seu agradecemento polo esforzo dos cantores e destacando a importancia da convivencia de todos os membros da Coral na que sobresae, como non podía ser doutro xeito, o amor á música e, dentro desta, á interpretación polifónica.

Alongouse a tarde cos "Cantarines" típicos das celebracións familiares e de amigos en Ribadeo, que puxeron o punto final á celebración da Patrona dos Músicos neste ano 2010 por parte da Coral Polifónica de Ribadeo.

jueves, 18 de noviembre de 2010

O Concerto do Coro da Cruz Vermella de Águeda abriu os actos de Sta. Cecilia



Ás 9 da noite, no Teatro de Ribadeo, o coro da Cruz Vermella de Águeda, ofreceu un concerto amplo e variado. Dirixidos por Sergio Brito e coa colaboración da pianista Teresa Raminhos, as 45 voces interpretaron un total de 13 pezas, dende as relixiosas ás propias do seu folclore sen esquecer a habanera e o bolero.

O público aplaudiu con entusiasmo premiando o esforzo vocal e o bo facer co que interpretaron cada unha das pezas. Especialmente aplaudidas foron os espirituais, o fado "Barco Negro", adicado á Directora da Coral Ribadense, a habanera "Blanco Velero" e o bolero "Piel Canela.

O remate do concerto púxoo a interpretación da habanera "Yo quiero ser marinero" conxuntamente coa Coral Polifónica, amosando así a amizade e unión que a música é capaz de conseguir.

A Coral regalou ó coro portugués unha cerámica de Sargadelos co faro da Illa Pancha e recibiu tamén unha preciosa cerámica portuguesa e o "Cancioneiro de Águeda" cunha adicación persoal á Coral.

Os coralistas portugueses disfrutaron da fin de semana e amosaron o seu agradecemento ós membros da coral ribadense por tódalas atencións recibidas que non foron senón unha xusta correspondencia ás que eles lle dispensaran á Coral na primavera pasada.

martes, 9 de noviembre de 2010

FESTIVIDADE DE SANTA CECILIA


O 13 de Novembro, no Teatro de Ribadeo, ás 21 horas, concerto:


Coro da Cruz Vermella de Águeda (Portugal)


coa colaboración da Coral Polifónica de Ribadeo. Ámbalas dúas corais cantarán conxuntamente para rematar o concerto a habanera "Yo quiero ser marinero".


O 21 de Novembro:

  • Misa na Igrexa Parroquial á 1 da tarde.
  • Xantar, no Parador de Turismo de Ribadeo, durante o que se levará a cabo o nomeamento, como novo Membro de Honor da Coral, a Cándido Fdez. Ledo, en recoñecemento ó seu traballo desinteresado e agarimoso pola coral, que se viu reflectido en dúas actuacións que a Coral celebrou en Marbella e a onde se volverá desplazar no próximo verán.

OUTONO 2010

Empezamos o outono actuando en Oleiros o día 25 de setembro, invitados polo coro de Santa María de Oleiros, no día en que se celebraba o pasamento da cantante Ana Kiro, a quen a coral adicou a primeira das súas interpretacións: "Amazing Grace". Compartimos escenario coa coral anfitriona e coa coral "Brisas do Mar" de Corme, cuxos directivos invitaron á Coral a actuar nesa vila mariñeira o próximo verán.





O pasado día 31 de outubro, actuouse no auditorio Oscar Pereiro de Mos (Pontevedra), dentro do festival " V Xuntanza Coral de Canto Galego O Son dos Cantares", adicado á música galega, xunto ás corais Orfeao Dr. Joao Antunes de Condeixa-a-Nova (Portugal), Xan Mella de Baio (A Coruña), Orfeón de Trives (Ourense) e a Coral anfitriona O Son dos Cantares.


sábado, 4 de septiembre de 2010

REMATA O VERÁN


O sábado, 14 de agosto, no Cantón, a Coral participou no XX aniversario do grupo de rock ribadense Mallory. Dúas pezas do propio grupo e unha de Barón Rojo, armonizadas por Eli García-Bouso, foron as que interpretaron conxuntamente.

Esta actuación, coa que tanto disfrutamos e que se nos fixo moi corta, recordounos a que fixéramos co grupo vasco Tirri Tarra, fai xa tres anos, e que tan bo recordo deixou tanto nos coralistas como no público.

Foi esta unha nova oportunidade para poder interpretar outro tipo de música totalmente distinta á que habitualmente interpretamos e amosar a versatilidade da Coral sempre aberta a novas experiencias musicais, poñendo de manifesto esa fusión de idades, gustos e estilos que só a música é capaz de conseguir.

"NORABOA MALLORY" e grazas.


O XVI Festival de Habaneras, organizado conxuntamente polo Concello e a Coral, foi, un ano máis, un rotundo éxito. As corais " Lembranzas de Sta. Cruz" de Oleiros ( A Coruña), URECA de Vigo e a C.P. de Ribadeo interpretaron as súas habaneras e boleros ante un auditorio totalmente abarrotado de público, que agradeceu con efusivos aplausos as súas actuacións.
Un fermoso decorado, realizado pola coralista Marta Castelao, creou o ambiente axeitado ás características do festival.
A habanera "Yo quiero ser marinero ", interpretada conxuntamente polas 3 corais e o público, puxo o remate esperado a esta decimosexta edición.




jueves, 12 de agosto de 2010

COMENTARIO ÁS ÚLTIMAS ACTUACIÓNS

O concerto realizado, como remate do XXI curso de verán da Fundación Luis de Trelles, no Teatro de Ribadeo foi un éxito. O público, na súa maioría cursillistas de distintos lugares de España, aplaudiu con entusiasmo cada peza do programa, composto nesta ocasión de música galega. Ó rematar o concerto, os organizadores do curso, agradecidos á Coral, fixéronlle un "pasillo" e foron aplaudindo a saída de todos e cada un dos coralistas, aplausos que se prolongaron na rúa e que sorprenderon gratamente os membros da Coral.
A actuación do pasado 7 de agosto, no Auditorio de Cabanela, dentro da Semana Náutica que organiza o Club Náutico de Ribadeo, estivo adicada a cantos do mar e habaneras.
As circunstancias nas que se desenrolou o concerto non foron as máis idóneas, xa que o alboroto dunha parte do público e a continua entrada de xente no recinto (totalmente vallado) impediron que, tanto os coralistas como o público que desexaba escoitar, poideran disfrutar coa música. A Coral, a pesar dese ambiente pouco axeitado e desas mostras de falta de consideración á súa presenza, continuou o concerto como estaba previsto, amosando a súa profesionalidade e agradecendo ó público (moito fóra do recinto) o seu apoio e aplausos.

domingo, 27 de junio de 2010

O SÁBADO, 3 DE XULLO, NO TEATRO

A Coral actuará o próximo sábado, 3 de xullo, ás 10 da noite no Teatro de Ribadeo, dentro do XXI Curso de Verano Fundación Luis de Trelles.
O concerto estará centrado, nesta ocasión, na música galega.
Dende as últimas actuacións en abril, en Ribadeo, Avilés e Portugal, a Coral participou, en Monforte, no concerto do 50 aniversario da Coral Renfe, e no concerto celebrado na parroquia de Arante con motivo da festa das Cruces, en A Ponte, concertos os dous moi aplaudidos polo público e moi satisfactorios para os coralistas.
Rematan, con este concerto, as actuacións da Coral neste primeiro semestre, para dedicar este mes de xullo ós ensaios cos que se prepararán as actuacións de agosto: a destacar, a colaboración co grupo de rock local, Mallory, e o Festival de Habaneras.

martes, 27 de abril de 2010

CONCERTO EN ÁGUEDA (PORTUGAL)


O sábado, 17 de abril, a Coral participou no Concerto Comemorativo do 33º Aniversario da Delegación de Águeda da Cruz Vermella, xunto ó Coro de dita agrupación e o Orfeâo de Paços de Ferreira.

O concerto resultou do agrado do público asistente que aplaudiu especialmente a "Ruada de Chamosa", "El cóndor" e o "Coro de barquilleros". A última peza do programa "O vira do Minho", adicada especialmente ó público, foi seguida con palmas por este. A Coral cantou para rematar, a petición do director anfitrión Sergio Brito, "Yo quiero ser marinero" habanera que xa nos escoitara interpretar nalgunha ocasión e que lle gusta especialmente.

A Coral quere agradecer, dende este espacio, a magnífica acollida e as atencións constantes que os responsables do Coro da Cruz Vermella nos dedicaron durante a estancia en Águeda e transmitir o sentir agradecido de tódolos coralistas que disfrutaron dunha magnífica fin de semana cultural.

O Coro portugués actuará na nosa vila probablemente na Festividade de Santa Cecilia, mantendo así esta amizade musical que nos une.

lunes, 12 de abril de 2010

A CORAL, DE NOVO EN PORTUGAL

Despois do concerto de Semana Santa, que a Coral ofreceu o pasado 27 de marzo, acompañada da Orquestra de Cámara de Ribadeo, e da participación no XIX Festival de Habaneras de Avilés, o pasado Domingo de Pascua, a colectividade prepárase para a próxima actuación: será en Águeda (Portugal) o vindeiro sábado, 17 de abril. Alí a Coral actuará xunto a dúas agrupacións portuguesas, invitada polo Orfeâo de dita cidade, co gallo do 33 aniversario da Cruz Vermelha desa vila.
Unha nova oportunidade de visitar o país veciño e de compartir experiencias musicais.

viernes, 5 de marzo de 2010

COMEZANDO O 2010

Actuación no Pregón de Antroido 2010


Despois do xa tradicional Concerto de Panxoliñas (coas corais polifónicas de Burela, Bella Helenis de Pontevedra e coro xuvenil Sagrado Corazón), co que rematou o ano 2009 e o concerto en San Tirso de Abres en xaneiro, co que comezou o 2010, a Coral actuou no Pregón do Antroido, o sábado 13 de febreiro, no Teatro de Ribadeo.

Vestidos axeitadamente para a ocasión, ofreceron un breve concerto de seis pezas, entre as que destacaron as renacentistas "Hoy comamos y bebamos", acompañados polo Grupo de metais da Escola Municipal de Música e "Contrapunto bestiale", cunha orixinal posta en escea, ademais da estrea de "Ruada de Chamosa". Un concerto que, segundo o público, fíxose moi corto.

A Coral está a preparar xa o próximo compromiso musical: o Pregón da Semana Santa de Ribadeo, o vindeiro 27 de marzo, no que actuará acompañada pola Orquestra da Escola Municipal .