sábado, 26 de noviembre de 2011

FESTIVIDADE DE SANTA CECILIA

Despois dunha parada periodística ou bloguística, que non musical, reanudamos a información sobre a nosa coral.
Foron estes dous meses de ensaios ininterrumpidos desde o último comunicado, alá no mes de setembro.
A misa da patroa puxo fin a un verán ateigado de actuacións, todas elas musicalmente satisfactorias e mesmo sobresaíntes e iniciou un outono tranquilo en canto a actuacións, dedicado a preparar o Festival de Panxoliñas e as actuacións en La Caridad do pasado día 19 de novembro, e en San Cibrao, o próximo día 8 de decembro.




Mañá día 27 de novembro, a Coral celebrará a festividade da Patroa da música con unha misa, á 1 da tarde, na Igrexa Parroquial e a comida que reunirá, no Parador de turismo, a preto dun centenar de persoas: coralistas, familiares, amigos, Membros de Honor e representantes do Concello.
Este ano non foi posible contar co concerto coral que tradicionalmente precedía a esta celebración, a pesar da veintena de corais (de distintas comunidades) coas que a directiva contactou.
Esta espera fixo que a Coral tivera que renunciar a 2 actuacións: en Santiago e no Festival de Habaneras de Cudillero.

miércoles, 7 de septiembre de 2011

O DÍA DA PATRONA

O día da Patrona, ás 12 da mañá, a Coral cantará a misa solemne, como vén facendo dende o ano 1960, ano no que se levantou a prohibición eclesiástica que impedía que coros mixtos cantaran nas celebracións relixiosas.
A gaita e o órgano da peza “O son das campás”, a Misa de Angelis, Cantate Domino, Coral da Cantata 147, Signore delle cime ( co grupo Arco-Vento) e o grandioso Laudate Dominum, soarán na Igrexa Parroquial, na honra de Sta. Mª del Campo.

XVII FESTIVAL DE HABANERAS “RÍA DE RIBADEO”: UN NOVO ÉXITO.

A coral “Amanecer” de Gijón e a Coral del Centro Asturiano de Avilés acompañaron á Coral de Ribadeo neste novo certame de habaneras, que a Coral organiza coa colaboración da Delegación de Cultura do Excmo. Concello.
O festival, un ano máis, foi un éxito, tanto de público, que empezou a congregarse ás portas do Auditorio dende máis dunha hora antes do inicio, como de crítica.
A Coral estreou, nesta ocasión, a habanera de Prudencio Romo “Contos do mar” e a canción filipina “Rosas Pandan” que gustaron moito.









jueves, 18 de agosto de 2011

Un pequeno descanso

Coa actuación en Pontedeume, no VIII Festival de Habaneras, rematamos as actuacións do mes de xullo, un mes cheo de compromisos musicais do que nos queda un balance moi positivo, tanto no aspecto musical e de satisfación propia como emotivo:

-A actuación en Bueu, adicada ó mar, que conectou fondamente co público e na que a Coral soubo transmitir eses sentimentos que se agochan entre os pentagramas.

- A emocionante “Salve Marinera” o día do Pregón do Carme.

-O concerto adicado á música de cine ( Música… de Película), no Cine Teatro de Ribadeo, un espectáculo visual e sonoro que aunou as imaxes cinematográficas coas melodías máis representativas deses filmes, e polo que a Coral recibiu todo tipo se parabéns.

-Da actuación en Pontedeume destacamos os comentarios positivos á variedade do repertorio e á beleza de pezas como”Cançao do mar “.Como anécdota, sinalar que tivo que dirixir a última peza o coralista Hugo García, por problemas no escenario, mentres a directora acompañaba ó órgano á Coral.

Neste mes, os ensaios non están de vacacións, aínda que si as actuacións, xa que só se actuará no XVII Festival de Habaneras, o día 27 de agosto, ás 8:45 no Auditorio Municipal.

miércoles, 13 de julio de 2011

MÚSICA…..DE PELÍCULA



Concerto da Coral Polifónica de Ribadeo, o próximo día 22 de xullo


A Coral ofrecerá, o próximo venres 22 de xullo, un concerto que servirá como peche do curso de verán “A Torre dos Moreno e a arte do seu tempo”.
Nesta ocasión, a Coral ofrecerá un concerto con temas de películas, dende as clásicas “Desayuno con diamantes” ou “ El álamo” ata outras máis recentes como “Los chicos del coro” ou “ Mar adentro”.
As interpretacións irán acompañadas da proxección de fragmentos das películas correspondentes, un concerto visual e sonoro que a Coral xa fixera no ano 2007 e que desexaba volver interpretar.

martes, 7 de junio de 2011

Próximas actuacións

27 de maio - Ribadeo: Congreso da Sociedade Galega de Pediatría.


25 de xuño - Narón


26 de xuño - Ribadeo (Misa de Corpus)


9 de xullo - Bueu


16 de xullo - Ribadeo: Pregón das festas do Carme


22 de xullo - Ribadeo: Curso de verán da USC: A Torre dos Moreno e a arte do seu tempo: Emigración, patrimonio cultural e restauración.


30 de xullo - Pontedeume


Agosto - Ribadeo: XVII Festival de Habaneras

domingo, 22 de mayo de 2011

A Coral regresa de Marbella






Tras unha longa pero agradable e fructífera viaxe de 4 días, a Coral regresou de Marbella
O concerto foi un éxito, a xulgar polos aplausos, vítores e comentarios do público que se deu cita no Teatro Cidade de Marbella, o domingo 15 de maio.


Entre o público estaban, o anfitrión e membro de Honor da Coral, Cándido Fdez. Ledo, representantes do Concello marbellí, o director da Coral Nª Sª de la Encarnación (á que a Coral adicou unha obra por estaren a celebrar o seu XXV Aniversario) e familiares e amigos da Coral, residentes na cidade e mesmo chegados de Almería, Cartagena e San Fernando.

No concerto non faltaron as habaneras e zarzuelas, a música galega, hispanoamericana e de películas, e mesmo unha lembranza en solidariedade co pobo murciano coa interpretación de Amazing Grace.

Ó remate da actuación, o Presidente da Coral entregou a Cándido Fdez. Ledo unha foto aérea de Ribadeo, xentileza de Foto Miguel, que Cándido agradeceu emocionado, agradecemento que fixo extensivo ós coralistas por estaren de novo en Marbella.


A Coral quere manifestar dende estas liñas o seu profundo agradecemento pola nova oportunidade que tivo de poder realizar este concerto, un premio ó traballo e ensaios, e por tódalas atencións dispensadas ós seus membros durante a estancia en Marbella.


miércoles, 11 de mayo de 2011

Viaxe a Marbella

O próximo sábado día 14, a Coral desprazarase a Marbella, onde actuará o domingo, 15 de maio, ás 8 da tarde no Teatro Cidade de Marbella, invitada pola fundación José Banús.

Esta é a terceira vez que a Coral actúa na cidade andaluza, invitada pola fundación da que é presidente o ribadense e Membro de Honor da Coral, Cándido Fernández Ledo.
A Polifónica interpretará un programa de música popular baixo o título "Palabras con música" no que se inclúen obras galegas, habaneras, pezas hispanoamericanas, pezas de zarzuela e musicais.
A Coral sairá de viaxe o sábado ás 9 da mañá, visitará Toledo e pernoctará en Linares, para continuar viaxe o domingo a Marbella.

A Coral celebra a Pascua en San Martiño

Na Semana Santa a Coral cantou a misa de Pascua na Basílica de San Martiño, como xa fixera noutras dúas ocasións.

Despois dos cantos propios da celebración relixiosa, a Coral ofreceu un pequeno concerto de música popular, que resultou moi emotivo e que o público que enchía a Catedral aplaudíu con entusiasmo.

Dende a Coral amosamos o noso agradecemento pola afectuosa acollida, un ano máis, tanto á organización coma ó público.

sábado, 16 de abril de 2011

Hoxe, a Coral estrea a obra "Dies Irae"

Ás 8:30 da tarde, na Igrexa Parroquial, a Coral poñerá o remate ó Pregón da Semana Santa de Ribadeo.

Además das obras "Amazing Grace" e "Coral da Pasión", a Coral interpretará, xunto á Orquestra de Corda do Conservatorio Profesional de Música de Lugo, o motete "Ave Verum" e estreará a obra inédita "Dies Irae" composta por Eli Gª-Bouso, compositor e membro da Coral.

Aunque xa cantara algunhas panxoliñas deste autor, esta é a primeira obra para coro e orquestra de Gª-Bouso que a Coral interpreta.

A Coral empezou xa a ensaiar outra obra deste autor, unha cantata profana para solista, coro e orquestra, a estrear a medio plazo.

martes, 5 de abril de 2011

A Coral ultima os ensaios para a estrea da obra "Dies Irae"

O venres a Coral desprazarase a Lugo para ensaiar, xunto coa orquestra do Conservatorio, a obra "Dies Irae", inédita ata agora e que será estreada no Pregón de Semana Santa de Ribadeo, o próximo día 16 de abril.

A obra, para coro mixto e orquestra de corda, foi composta polo compositor e coralista, Eliseo Gª-Bouso.

lunes, 28 de febrero de 2011

XVI Festival de Paxoliñas

Coral Polifónica de Ribadeo e Coro Sagrado Corazón

Igrexa Parroquial de Ribadeo

Nadal 2010

domingo, 30 de enero de 2011

ANO 2011

A coral está a preparar xa a obra que, en rigurosa estrea, interpretará no Pregón de Semana Santa, o 16 de abril.
Trátase da peza "Dies Irae" para 4 voces e orquestra, composta por Eli Gª-Bouso, compositor afeccionado e membro da coral, que a Polifónica interpretará acompañada pola Orquestra de Corda do Conservatorio de Música de Lugo.

XVI Festival de Panxoliñas: remate do ano 2010

O pasado día 26 de decembro, na Igrexa Parroquial de Ribadeo, as corais "Airiños de Caranza" de Ferrol, "Villa Blanca" de Luarca e a Coral Polifónica, entoaron cantos de nadal, clásicos e tradicionais, xunto a outros máis modernos, dando así forma ó XVI Festival de Panxoliñas, que marcou tamén o remate musical do ano 2010.


O público, que enchía totalmente a Igrexa, aplaudiu tódalas interpretacións con entusiasmo, destacando entre elas o tema "La huella" da coral asturiana, cunha pequena artista de 8 anos, e os temas que a coral e o Coro Sagrado Corazón interpretaron conxuntamente. Foron estes: "Vinde galeguiños" con armonización de Eli Gª-Bouso e cunha introdución de gaita interpretada por unha das pequenas coristas, e "Noche de Paz" nunha actualizada versión a 5 voces, ámbalas dúas pezas de estrea. Hai que destacar a posta en escea desta última, interpretada case en penumbra cunhas pequenas candeas acendidas, que remarcaba aínda máis a fermosura e emotividade da música de F. Gruber.