jueves, 14 de febrero de 2013

Rematamos o ano 2012

A actuación en Baio e o Festival de Panxoliñas puxeron fin a este novo ano musical.

A viaxe a Baio, o día 15 de decembro, serviu para acompañar e homenaxear á coral anfitriona polo seu X Aniversario, actuación na que estivemos acompañados pola Coral de Carballo.

O XVIII Festival de Panxoliñas contou este ano coas corais de Corme e Pontedeume, que acompañaron á nosa coral e ó Coro Sagrado Corazón. As interpretacións conxuntas da Coral e do Coro xuvenil, (unhas 70 voces), foron moi aplaudidas, especialmente a “Suite Comercial Navideña” e o sempre emotivo “Hallelujah”. Puxo o remate o clásico “Noche de paz”, iluminado con pequenas luces que deron máis emotividade á interpretación.

Neste mes de decembro, recibimos á Coral Luigi Bocherini, de Boadilla del Monte (Madrid), que ofreceu un concerto , no Teatro, enmarcado nos actos organizados para celebrar a festividade de Sta. Cecilia. O programa, moi aplaudido polo público, mesturou pezas de polifonía clásica e temas populares españois e hispanos.

Neste último trimestre do ano, temos que destacar tamén as actuacións en Valga (Pontevedra) e en Cudillero, no X Festival de Habaneras, ademais da celebración especial de Sta. Cecilia, que este ano serviu para homenaxear ás irmás Clarisas, cun pequeno e emotivo concerto na Igrexa conventual.

E para concluír o balance deste ano, sinalar estes outros datos:

- 20 actuacións neste ano, 12 en actos celebrados na vila.

- 8 novos coralistas ( 6 deles do Coro Sgdo.Corazón), que conforman unha coral de case 60 voces, aínda que por razóns de estudos, traballo e circunstancias persoais, sexa unha media de 40 voces as que se desprazan habitualmente coa Coral.

-Alta da Coral en Facebook, para que as novas relacionadas coas nosas actividades musicais, sexan coñecidas máis rapidamente por todas aquelas persoas que nos seguen e tamén por aquelas que ata agora non sabían moito de nós.