sábado, 3 de enero de 2009

Currículo



A Coral Polifónica de Ribadeo foi fundada en 1955, o que a converte na decana da provincia de Lugo. No ano 2005 a Polifónica de Ribadeo celebrou, polo tanto, o seu 50º aniversario. Isto deu motivo a que o Concello de Ribadeo, en setembro dese mesmo ano concedese á Coral a “Medalla de Ouro de Ribadeo”, que lle foi entregada nun Pleno Extraordinario celebrado o día 24 de novembro de 2006. Ademais, a Asociación de Radio e Televisión de Lugo concedeulle á Coral de Ribadeo, tamén no mes de setembro de 2005, o premio “Lucense do ano”, que lle foi entregado o día 18 de febreiro de 2006.
Desde o mesmo día da súa presentación estivo dirixida por D. Carlos Álvarez Fernández-Cid, ata 1984, ano do seu falecemento. A partir desa data a dirección atópase baixo a batuta de Dª María del Carmen Rodríguez Cancelo, mestra e profesora de piano titulada polo Real Conservatorio de Música de Madrid.

A Coral conta cun amplo repertorio no que se inclúen obras clásicas, relixiosas e populares, tanto españolas como doutros países, especialmente iberoamericanos. Na actualidade conta cunhas 50 voces mixtas que reflicten, polas súas idades, a tradición, o presente e o futuro.

A Polifónica de Ribadeo apadriñou ás corais lucenses de Viveiro e Sober nos seus concertos de presentación. Realizou actuacións en numerosas vilas e cidades de Galicia e Asturias, e tamén en Astorga (León), Algemesí (Valencia), San Sebastián, Barcelona, Sabadell, Jaén, Marbella, Laredo e Los Corrales de Buelna (Cantabria), Lisboa, Madrid, Valladolid, León, Santa María da Feira (Portugal), Logroño, así como grabacións para radio e televisión. Cabe destacar o concerto ofrecido o 24 de agosto de 2008 no Cantón dos Moreno, en Ribadeo, actuando co grupo vasco Tirri Tarra e a orquestra de corda Sotto Voce, con gran éxito de público e de crítica. Ten, así mesmo, unha cinta magnetofónica grabada en directo no ano 1995, na que se recolle o concerto conmemorativo do 40º aniversario. O 26 de decembro de 2002 presentou o seu primeiro disco compacto, titulado “nos mares da música”.

En diversas ocasións actuou conxuntamente con outras agrupacións instrumentais: Banda Sinfónica Municipal de Música, Grupo de Gaitas “Follas Novas”, Rondalla “Amigos de la Música”, Grupo de Percusión “Chequeré” e Grupo de Música de Cámara “Arco-Vento”, todas elas agrupacións musicais de Ribadeo, así como coa Orquesta de Acordeones “Amanecer”, de La Caridad (Asturias). É de destacar que habitualmente colabora coa Coral a pianista Carmen Álvarez Lebredo.

A Coral Polifónica de Ribadeo, uns humildes intermediarios entre o compositor e o público, dá vida, dentro da súa faceta de afeccionados, á linguaxe musical, co orgullo de saberse posuidora do máis fermoso, expresivo e cercano instrumento musical da natureza: a voz.

2 comentarios:

  1. Noraboa por darlle vidilla a coral na rede ;)
    Saúdos e seguirei isto a ver como vai.

    ResponderEliminar
  2. Dende a Coral Xan Mella de Baio un saúdo e benvidos a este mundo de bitácoras. Seguiremos o voso blog tanto como seguimos os vosos éxitos.

    ResponderEliminar