miércoles, 22 de agosto de 2012

CELEBROUSE O XVIII FESTIVAL DE HABANERAS “RÍA DE RIBADEO”



O sábado, 18 de agosto, no Auditorio municipal, tivo lugar unha nova edición do xa tradicional festival de habaneras. Nesta ocasión foron o “Coro de Oleiros” (A Coruña) e “O Son dos Cantares” de Mos (Pontevedra) os que acompañaron á Coral Polifónica de Ribadeo no escenario.
O público, que dende media hora antes do inicio, xa agardaba nunha longa fila, encheu, como de costume, o Auditorio e disfrutou da variedade dos distintos repertorios e das interpretacións particulares que cada coral fai dos mesmos.
 A nosa Coral, que conta cun público fiel e entusiasta que nos anima e nos segue, foi agasallada  con incesantes aplausos. Nesta ocasión, escollemos habaneras locais e emotivas como “A Despedida” e outras novas e de gran dificultade como “A tu lado”, completando o programa coa alegre canción filipina “Rosas Pandan” ou a intemporal “Te quiero”, na que solista e coro logran transmitir ó público a intensidade dos versos de Benedetti.
 Neste XVIII festival o público, nembargante, botou de menos a habanera “Yo quiero ser marinero”, coa que era costume rematar esta xuntanza coral. Hai feitos que van arraigando na xente ano tras ano e que un non se decata de que xa se converten en costume. E a costume leva á tradición e se a tradición se rompe (aínda que sexa por motivos fundados) hai un certo malestar. Así que a tradición de rematar o Festival de Habaneras coa peza “Yo quiero ser marinero” seguirá mentres haxa festival ou mentres o público non demande un cambio.

Outras actuacións:
Dende a reseña aparecida no mes de abril,  foron, ademais deste festival de habaneras, varias as actuacións que a Coral realizou:

-En xuño, colaboramos cunha pequena actuación nun acto organizado polo Observatorio da Mariña pola igualdade. Tamén participou no citado acto poético-musical, a cantante Uxía Senlle, coa que a Coral tivo o inmenso pracer de interpretar “ Unha noite na eira do trigo” e a habanera “Casiñas brancas”, actuación que pode verse en Youtube.

-En xullo, ofrecemos un concerto baixo o título “A nosa música”, dentro do curso de verán “Arte e Patrimonio na Mariña Lucense” que organizou a USC. Nesta ocasión, e para buscar un repertorio acorde coa temática das xornadas, o programa estivo composto por música galega (con varias pezas de músicos da Mariña) e zarzuelas.

-Xa neste mes de agosto, viaxamos a Corme para participar no “VIII Festival de Habaneras”, onde compartimos escenario coas corais de Culleredo, Pontedeume e Corme. A actuación, na Praza do Pan, foi moi ben acollida polo público que aplaudiu con entusiasmo a boa interpretación da Coral.

Próximas actuacións:

  25 de agosto:        Pregón das festas patronais de Ribadeo
   8 de setembro:     Misa da Patrona
   6 de outubro:       Valga (Pontevedra)
 27 de outubro:       Boadilla del Monte (Madrid)
           novembro:   Misa de Santa Cecilia
           decembro:   Baio (A Coruña)
                              Ribadeo (Festival de Panxoliñas)




No hay comentarios:

Publicar un comentario