Ás 9 da noite, no Teatro de Ribadeo, o coro da Cruz Vermella de Águeda, ofreceu un concerto amplo e variado. Dirixidos por Sergio Brito e coa colaboración da pianista Teresa Raminhos, as 45 voces interpretaron un total de 13 pezas, dende as relixiosas ás propias do seu folclore sen esquecer a habanera e o bolero.
O público aplaudiu con entusiasmo premiando o esforzo vocal e o bo facer co que interpretaron cada unha das pezas. Especialmente aplaudidas foron os espirituais, o fado "Barco Negro", adicado á Directora da Coral Ribadense, a habanera "Blanco Velero" e o bolero "Piel Canela.
O remate do concerto púxoo a interpretación da habanera "Yo quiero ser marinero" conxuntamente coa Coral Polifónica, amosando así a amizade e unión que a música é capaz de conseguir.
A Coral regalou ó coro portugués unha cerámica de Sargadelos co faro da Illa Pancha e recibiu tamén unha preciosa cerámica portuguesa e o "Cancioneiro de Águeda" cunha adicación persoal á Coral.
Os coralistas portugueses disfrutaron da fin de semana e amosaron o seu agradecemento ós membros da coral ribadense por tódalas atencións recibidas que non foron senón unha xusta correspondencia ás que eles lle dispensaran á Coral na primavera pasada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario